Metodoloxía
1 Obradoiro práctico sobre historia, linguaxe e técnica audiovisual
Mediante a análise de fragmentos de películas, realizamos un percorrido desde o nacemento do cine ata a época actual. Analízanse algúns dos grandes fitos da historia do cine e descubrimos como se foi creando a linguaxe audiovisual.
2 Obradoiro creativo e desenvolvemento de proxectos
Utilizando técnicas creativas, provocamos a participación do grupo. As ideas flúen no contorno propicio e é necesario seleccionar aquelas que sexan máis viables de realizar. Búscase que se impliquen todas as persoas participantes e que os proxectos sexan debatidos e asumidos por todas elas.
3 Produción dos proxectos e exhibición
Créanse equipos e repártense tarefas tendo en conta as preferencias e habilidades do grupo. O obxectivo é participar en todas as fases da produción audiovisual co acompañamento de profesionais que guían o proceso. Unha vez finalizada a produción das pezas, organizarase unha estrea na que as persoas que participaron no proxecto, presentarán as obras.
O proxecto complétase cun ciclo de cine e xornadas sobre creatividade, avellentamento, cine e saúde.